miércoles, 9 de marzo de 2011

III Campionato de España Match Race Feminino

Vilagarcía de Arousa acolle o III Campionato de España de Match Race Feminino

A cita é un OPEN no que tomarán parte países como Rusia, Francia, Holanda, Suecia ou Portugal

Vilagarcía de Arousa será a terceira cidade española que acolla un Campionato de España de Match Race Feminino, a nova modalidade en clases olímpicas que será inaugurada en Londres, o próximo ano.

Esta mañá foi presentada a gran cita nacional nunha rolda de prensa montada no miradoiro que, sobre a cuberta do Centro Galego de Vela, otea boa parte da ría arousá. Presidida por Javier Puertas, Presidente da Autoridade Portuaria do Porto de Vilagarcía, estivo conducida por Pedro Piñeiro, Presidente do Real Club de Regatas de Galicia, e ao que acompañaron José Anxo Rodríguez, Presidente da Federación Galega de Vela e Vicepresidente da Española, e Alberto García, Director do Centro Galego.

Despois de Valencia en 2009, e Santander en 2010, Vilagarcía converterase no epicentro da vela olímpica española, por ser esta regata unha das pezas crave nas puntuacións que determinarán as representantes españolas no Reino Unido.

Desenvolverase do 8 ao 12 de marzo, utilizando como porto base o Centro Galego de Vela de Vilagarcía, sendo a primeira xornada de adestramento oficial, e o resto de enfrontamentos ata chegar á gran final.

O sábado poranse en marcha as semifinais enfrontándose o primeiro clasificado do Round Robin contra o cuarto e o segundo contra o terceiro, clasificándose os gañadores para a final, que se disputará unha vez concluídas as semifinais.

Do mesmo xeito que en 2010 o Campionato de España de Match Race Feminino disputarase con barcos iguais, os Elliott 6m, nos que navegarán tres tripulantes. Deseñados polo neozelandés Gregg Elliott, é a embarcación que substitúe en clases olímpicas ao coñecido Yngling feminino, decisión tomada pola ISAF no ano 2008.

Na cita de Vilagarcía 12 serán as patroas que tomen parte neste Campionato de España de Match Race Feminino, considerado como regata OPEN, é dicir, permítese a participación de equipos doutros países que, coa súa achega, elevan o nivel da regata, servindo de adestramento de face aos próximos Xogos Olímpicos de Londres.

Os dous nacionais disputados con anterioridade foron para: Marga Cameselle, o de 2009, en augas de Valencia, que correrá baixo a denominación de Pastor-Porto de Vigo; e para Támara Echegoyen, o de 2010, en Santander, que o fará baixo a grímpola do Liceo Casino de Vilagarcía.

No plano internacional o Match Race de Vilagarcía contará coas rusas Ekaterina Skudina e Ekaterina Kutovaya, a francesa Julie Bossard, as suecas Anna Kjellberg e Caroline Sylvan, a portuguesa Rita Gonçalves e a holandesa Rene Groeneveld.

En total disputaranse 22 Flights compostos na súa totalidade por 66 enfrontamentos ou miniregatas.

Moita sorte a todas as regatistas.

No hay comentarios: